En 1972 Orson Welles dirixiu
The other side of the wind, filme que ningún de vostedes tivo ocasión de ver pola sinxela razón de que nin sequera chegou a editarse. A película, financiada entre outros por Mehdi Bousheri, cuñado do Sha de Persia, veuse afectada por diferentes problemas económicos que acabaron impedindo que se completase. Welles foi incapaz de conseguir o apoio das grandes productoras de Hollywood, así que se botou a rodala cun equipo mínimo, interrompendo a rodaxe cantas veces for preciso para buscar cartos cos que pagala, ás veces a forza de participar noutros filmes e de saír en programas de televisión. Moita da xente que se comprometeu a axudalo acabou deixándoo tirado, e os seus colaboradores no Irán deixaron de ser útiles trala revolución de Jomeini no 1979. De todos xeitos puido rodarse toda a metraxe prevista, e mesmo hai partes da obra completamente editadas pola man do proprio Welles, que presentou varios minutos de película na homenaxe que lle tributou o American Film Institute en 1975. Os negativos permanecen gardados nun laboratorio de París á espera de que algún día se resolvan os numerosos conflictos que arrodean á fita. Por aí adiante circula a lenda de que é o estado iraní o que a mantén secuestrada, pero a realidade resulta ser bastante mais prosaica. A cuestión, coma case sempre, é unha típica querela de filántropos.
Dunha banda, Oja Kodar, compañeira e colaboradora de Welles nas dúas últimas décadas da súa vida, depositaria de latas e latas que conteñen material rodado ao longo dos anos polo xenial cineasta e dona da metade dos dereitos sobre o filme. Doutra, o citado Mehdi Bousheri, propietario da outra metade, pero este deixou de significar un problema porque xa morreu. Máis alá, Beatrice,
ávida dollars, a filla pequena de Orson e única herdeira do seu patrimonio, a mesma
que intentou vender o Oscar que o seu pai obtivo polo guión de
Citizen Kane e que leva anos entorpecendo calquera esforzo por sacar á luz os traballos inacabados en xeral, e este en particular, grazas as súas constantes ameazas de preitos. Polo medio, Peter Bogdanovich, acusado por xente coma Dominique Antoine, un dos produtores de
The other side of the wind, de ter bloqueado todos os intentos de compra dos dereitos de Bousheri sobre o filme, quizá co desexo de ser el e só el o que algún día poida facerse cargo da montaxe final.
O caso é que uns por outros a casa segue sen varrer. Todos os que tiveron oportunidade de ver fragmentos amplos de
The other side of the wind din que é un traballo complexo, con moitas voces narrativas que nos falan de Jack Hannaford (John Huston), un director de cine que deixou moi atrás a madurez e que volve para facer unha última película dirixida a un público mais novo. É a noite do seu setenta aniversario e prepara unha festa na que é honrado por xornalistas e persoas do mundo do cine (algúns deles reais, coma Claude Chabrol, Dennis Hopper ou Paul Mazursky), feito que lle permite a Welles deconstruír o personaxe a través da visión de diferentes testemuñas dun xeito moi experimental. Jack Hannaford amósalles parte do que está rodando, unha obra pretenciosa e chea de erotismo chamada
The other side of the wind, na que aparece unha muller (Oja Kodar) observada por un home novo (Robert Random), co que logo vive unha escena de sexo dentro dun coche. É un filme dentro do filme que parodia a
frialdade caleidoscópica de Michelangelo Antonioni, por quen Welles sentía ben pouco interese. E iso é todo, porque pouco mais se sabe. Rectifico: sabemos algo mais. Coñecemos a descrición que Welles lle fixo a Huston cando este lle preguntou de que trataba realmente
The Other Side of the Wind:
It's about a bastard director who's full of himself, who catches people and creates and destroys them. It's about us, John. It's a film about us.
¶