caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Si ler
> Si ler <

Lixeiramente sacudido pola lúcida abstinencia da melhor prosa de Blogalia, entrégome hoxe á feliz iniciativa de relatarlhes a serie de livros de próxima leitura que vou apilando no chan nunha columna xa con discutível estabilidade.

Empezo polo final, por dous que hei devolver a semana que vén na biblioteca. Una temporada de machetes, de Jean Hatzfeld (Ed. Anagrama), reconstrúe a terrível primavera do 94 en Ruanda con entrevistas a algúns dos asasinos que participaron da masacre. Áspero e cheo de parágrafos de aplastante sinceridade, o livro é un fascinante paseo polo horror que nós os ricos ignoramos no seu día con inconcevível desprezo, só comparável ao que amosamos agora polas vítimas de Darfur. O outro volume é Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras (Ed. Xerais); acabarei de lelo nos próximos días, pero seguramente non me ocuparei del no blog porque non vexo necesidade de falar mal do trabalho de alguén que seguramente ha de ser boa persoa.

Leonor Combing déixame El libro de las preguntas, de Edmond Jabes (Ed. Siruela), prosa poética de alta densidade coa cal disfrutar lonxe da area; e o Ulysses de James Joyce editado por Penguin, do cal hei de ocuparme un pouco que para iso fixen até un blog específico. Dobre leitura, en ingles e en español, que nun caso coma este resulta case imprescindível. Genoma, de Matt Ridley (Ed. Taurus), saqueino hai uns días da casa de Ender, entre chupito e chupito de licor café.

Vendell regaloume hai uns meses Masa y poder, de Elias Canetti (Alianza Editorial), ensaio-tocho que vou lendo de xeito deliberadamente desordeado e ao cal dareilhe o bocado definitivo durante o verán. Antes hei de acabar Round midnight (Da Capo Press), a biografía de Miles Davis escrita por Eric Nisenson que lhe colhín prestada alá polo outono. Regalo doutro amigo é Vida, naturaleza y ciencia: todo lo que hay que saber, de Detlev Ganten, Thomas Deichmann e Thilo Spahl (Ed. Taurus), que responde ao absurdo e maravilhoso intento de abarcar boa parte do saber científico en menos de 700 páxinas. Indispensável para aqueles que gostamos de facer listas e cánones.

Ganhei do Xabier Entre paréntesis, de Roberto Bolaño (Ed. Anagrama); nada conhecía do xa falecido escritor chileno, pero o seu entusiasmo pola poesía de Nicanor Parra fai que sinta inmediata simpatía por el. Fico tamén á espera de que os de Biblos manden o meu pedido canicular, co talento de Mia Couto espalhándose polos vinte e nove contos de O fío das missangas.

E algo de Dickens, claro, o meu centro de gravidade permanente, aínda que tenho a certeza de que a leitura mais útil das vindeiras semanas vai ser a do Relatório sobre o Desenvolvimento Humano 2004, que cada ano certifica o afortunados que somos por ter nacido nesta parte do mundo e non en Serra Leoa, por exemplo.

hoxe hai un ano: ene-agá (III)

2004-07-17, 01:00 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/20259

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2004-07-17 02:01

O que xa non poderei ler é Ma-Schamba, o blog moçambicano do José Teixeira que se despediu de todos hai tres días.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.80.137.168 (3c7fb59706)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley