caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Erros e Tánatos
> Erros e Tánatos <

Veciño do meu bairro e malia iso amigo con quen teño de cando en cando o pracer de conversar, Xavier Alcalá é o autor dalgunhas das mellores novelas escritas no meu país. A nosa cinza acumula unha ducia de edicións legais e quen sabe cantas das outras, convertíndose nun clásico indiscutíbel polo que pasou xa unha xeración enteira de galegos. Cárcere verde é un espléndido relato de aventuras non exento de certa dureza e que bebe directamente da inagotábel fonte de Joseph Conrad; se eu tivese que ficar tan só cunha obra de entre as súas escollería esa sen dubidalo. Alén da desventura, posibelmente a súa narración mais traballada, apóiase nunha minuciosa documentación para construír un relato complexo e fascinante polo cal resoa a memoria nobre de Robert Louis Stevenson e Herman Melville. O bon de Xavier está de actualidade pola saída ao mercado de Entre fronteiras, a primeira parte dunha triloxía chamada Evanxélica memoria; pero deste libro en concreto ocupareime no blog dentro dunhas semanas, teñan paciencia.

Fican claras, creo, as miñas simpatías e mesmo a miña admiración literaria polo señor Alcalá. O meu aprezo non me cega, contodo, para recoñecer a inmensa capacidade que el ten para meter o zoco onde non debe, dicindo ou escribindo ás veces cousas que nunca deberan ter saído da súa boca ou da súa man. Hai un par de semanas publicou este artigo no que non reparei até onte por mor da brillante carta de resposta que apareceu publicada nas páxinas dese mesmo xornal e que infelizmente non atopo na súa páxina web. Frases coma estas só poden calificarse de desafortunadas: "O cativiño ten que ser un máis dos moitos nenos importados por matrimonios que non deron tido fillos na sazón e agárranse ao restroballo do terceiro mundo, ás criaturas que sobran. Pagan, importan e coidan que cun nome de aquí todo está resolvido". Chamarlle "pais putativos" ou "pais de comenencia" a persoas que deciden libremente asumir o esforzo dunha adopción, con todos os trámites burocráticos que iso require e mais aínda nos casos de adopcións internacionais resulta innecesariamente ferinte. E se eu non coñecese a Alcalá e soubese do seu desprezo polas inxustizas podería acabar pensando, como quizá lles suceda a algúns leitores, que hai un noxento fondo de racismo (e saiban que teño ben fresco o libro de Fredrickson) no seu estraño interese por recalcar a suposta incapacidade que algúns individuos teñen para integrarse nunha sociedade diferente, idea esta especialmente absurda no caso de crianzas pequenas que o único que gardan dos seus lugares de orixe é a partida de nacemento, coma quen di. A frase final, "Porque, se toda a Terra é dos homes, unhas terras son máis duns homes ca doutros", ten un certo toque de bravura atufante ao estilo Arturo Pérez Reverte. Non creo que Alcalá se estea referindo aí ao dereito á propriedade privada e á posesión de leiras; intúo mais ben que o quere expresar é que, por exemplo, eu como galego nacido na Galiza teño mais dereitos sobre a terra na que vivo que os que aquí residen e residirán pero naceron en Senegal ou Camerún. Eu non comparto en absoluto esa visión, entre outras razóns porque os sentimentos de propriedade e de autoría non prenderon demasiado en min. Toda a Terra é dos homes, e ponto, e o resto, os estados, os governos, esas cousas que inventamos, son pequenas creacións conxunturais para organizármonos, e aínda que están cheas de imperfeicións son necesarias até desenvolvermos algo mellor. Pero por riba de calquera estrutura están sempre os individuos, os seres humanos, que morren coma moscas a apenas tres horas de avión dos lugares onde nós durmimos sen que reaccionemos ou amosemos interese polo seu (limitado) futuro.

A culpa é miña, por ter chamado "Emerxencia" a aquilo que debera titularse "Terrorismo".

2004-07-08, 01:00 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/20070

Comentarios

1
De: Jorge Fecha: 2004-07-08 06:35

Síntoo pero eu non podo atopar a desculpa para este artículo revertiano co que nos obsequia o señor Alcalá. A frase final e a típica dos racistas máis "cachapeladas", que non se cansa de dicir: "yo no soy racista, solo digo que cada uno en su sitio".
Tamén chama a atención o das parellas que non poideron ter fillos na sazón, en fin. Por unha certa cercanía con este mundo direi que coñezo varios casos de adopcións internacionais (non un nin dous nin cinco) e en varios casos son parellas que nunca tiveron sazón, mentres que noutros son parellas que xa tiñan un fillo ou dous "donos lexítimos da terra na que viven" e que agora decidiron adoptar por aquelo de votar unha man, xa sabedes, para que traer outro se xa lle podes mellorar a vida a un que xa está.
Todo isto por non dicir directamente que as persoas son so iso (ou todo iso) persoas, e que ningunha ten (ou debería ter) máis dereitos que outra, nin sobre a terra nin sobre nada.
Tampouco temos que olvidar unha cousa, co crecimento demográfico que ten a nosa terra hoxe en día nin siquera mirándoo dende o punto de vista de ser "de aquí", como non abramos un pouco o abanico dos "lexítimos donos da terra" non quedarán galegos, nin da sazón nin da adopción internacional, así que, en todo o amplio sentido da palabra, "BENVIDO JORDI BORJA".



2
De: Vendell Fecha: 2004-07-08 07:38

Vostede que o coñece, ¿non será un artigo irónico? En calquera caso, demasiado irónico. Unha das visións máis fermosas que deu esta parte da terra de todos é a dos caboverdianos compartindo suor nos palangres da mariña lucense: a mesma roupa que os nativos, pero tamén os mesmos xestos mecanizados como de traballar nun tear, por non falar do ollar cansado que comparten.



3
De: Ronsel Fecha: 2004-07-08 09:17

Se o coñeceses non o admirarías tanto. É un impresentábel, moi ben conectado e que vive moi ben. Outro "intelectual" a soldo do PP, aínda que de forma non tan clara coma outros.

As súas palabras falan por si mismas.



4
De: Mifune Fecha: 2004-07-08 10:47

Totalmente de acuerdo con tu visión del mundo, Martin, muy clara y presente en las úlimas siete líneas del post, aunque siempre habrá paternalistas que harán como que no la leen y la olvidarán en algún debate futuro.

A Alcalá no le conocía pero me da, por lo que nos transmites hoy, que consciente o inconscientemente se mueve en un terreno farragoso respecto a determinadas ideas que le convendría a él, como a todos nosotros, tener claras y siempre a favor de la humanidad.



5
De: peke Fecha: 2004-07-08 13:28

De acordo por completo coa túa visión e a apostila de Jorge.
Se Alcalá non é irónico, francamente creo que se pasou, e sorpréndeme que haxa xente que aínda pense así. Como se adoptar unha criatura fose un xogo de nenos; ¡por favor!



6
De: dorvisou Fecha: 2004-07-09 02:45

Non podería pensar que o seu relato remataría deste xeito despois de percibir tanto dozura na cabeceira.
O artigo de Xavier Alcalá é unha arroutada irreflexiva que mesmo da náuseas con lelo.



7
De: Indi Fecha: 2004-07-09 22:10

Tocastes desta vez un tema non literario e que si ten efectos colaterais: A adopción. A adopción dun neno ou nena que carece dos máis elementais concursos para se definir. Son pouquinha cousa, e o único que teñen é os olhos abertos para a capacidade de asombro das bestialidades que os adultos aprendimos a cometer. Os adoptados non viron outro mundo ca das penalidades, maos tratos, fames, guerras e guerras, fames, maos tratos e penalidades sen fin. Poida que se saiban reproducir e reproduzan as nosas conductas, ou non.

Non é un tema frívolo e como comentario nun blog pode quedar melhor ou peor segundo a calidade literaria de quen escriba, mais vou poñer un cativo soporte na opinión, que penso foi mal entendida, de Xavier Alcalá. Confio que non se me acuse de viver do pepé nin de xenófoboracistanacionalista.

Lin o escrito de Alcalá e a réplica ben argumentada de quen lhe respostou, mais penso que falan en planos diferentes. Desde o meu simplista punto de vista as necesidades non hai que buscalas moi lonxe, están perto de nós e vivimos arrodeados delas. Enxertar en civilizacións absolutamente diferentes NENOS doutras latitudes e culturas paréceme que ten un algo de frivolidade -seguro que escollín mal a palabra-, mais ten un aporte de valor humano que respeto.

Os inmigrantes traballadores, tipo caboverdianos, citados por Vendell teñen un compoñente fotoxénico magnífico mais non deixan de estar tan puteados como os nosos pescadores. Iso si, niso existe igoaldade.
Logo está a educación que se lhes dea a eses nenos, incluíndo o nome polo que van ser conhecidos aquí. E o nome tamén significa algo, por tradición nós non nacemos das arbores, hai pasado e buscamos futuro.
Non sei como serei interpretado, mais tanto me ten, tenho adoptados a 3 nenos (2 eran irmáns) do país, atopeinos (un dicir)en Vigo.

Por certo a Terra non é de todos. Todos somos da Terra. Senón preguntarllo ao meu viciño que lía comigo pou unhas silveiras.



8
De: Xisbe Fecha: 2004-07-10 00:20

Non gosto de X. Alcalá nin do seu artigo, como tampouco non gosto de nenos comprados como forma de calar conciencias.
Polo demáis, o que foi ou é emigrante sabe até que punto se lles pode ollar de forma atravesada.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2004-07-10 19:46

ronsel, conhezo a Alcalá, e desde logo non creo que sexa xusto dicir del que é un intelectual a soldo do PP. Hai moitísimos temas nas que Alcalá e mais eu temos opinións ben diferentes, pero iso xamais impediu o poder mantermos conversas cordiais e amistosas (e, por certo, sen pretender exercer nunca unha posível posición de dominio, a diferencia de certas divas da intelectualidade galega).

xisbe, as miradas atravesadas resólvense educando á xente na convivencia, normalizada e pacífica. É cuestión de vontade e tempo.

indi, ¿e por que frívolo? Miren, eu non vou negar que a día de hoxe a integración dos inmigrantes non é precisamente coser e cantar, pois herdamos unha tradición de unha soa cor e que xamais apostou pola aceptación e a difusión das diferencias, nin sequera as que existen á pequena escala peninsular. Pero as dificultades son consecuencias dunha situación, e non características esenciais do problema. Podemos resolvelas, se queremos. Aí está a clave: ¿queremos? ¿de verdade cremos niso da liberdade-igualdade-fraternidade, cando sabemos perfeitamente que douscentos mortos en Madrid sacoden o país por completo, pero miles de cadavres en Sudán apenas se chegan ás portadas da prensa?



10
De: Brais Seco Fernández Fecha: 2005-06-28 17:11

Deixádevos de historias. O artigo é racista sen dúbida ningunha, amais de inhumano e desconsiderado. E si, Alcalá está na órbita do fraguismo independente, por chamalo dalgunha maneira. Pero o que resulta curioso, e ata freudiano, é que este culto á raza veña dalguén que, aplicando os seus criterios (non os meus)NON SERÍA REALMENTE GALEGO. "Alcalá" non é un apelido castelán por casualidade. O home é de Miguelturra, Ciudad Real. Ó mellor resulta que el está na mesa situación que os pobres neniños doutras razas dos que fala con tanto desprezo...



11
De: ely Fecha: 2006-05-06 18:51

penso k moitas veces non se interpretan as cousas do mesmo xeito que un as di, e o mellor neste caso as palabras de Xabier foron mal interpretadas. referindome ó dito por Indi, estou completamente dacordo. penso que é cruel e inhumano arrancar a eses rapaces da sua terra, das suas raices e da sua cultura para facelos de ningunha parte e sen ningunha orixe.precisamente o k teriamos que facer era deixalos vivir. que gañamos con recoller a eses pobres nenos da miseria se precisamente a estamos causando dende o chemado 1º mundo. se lles desemos ós seus pais( ou alomenos non lles quitaramos) os recursos para atendelos correctamente, ¿non axudariamos máis?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.211.79.150 (3c89e56345)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley