J.J. é un home xove marcado pola soedade. Traballa como administrativo nunha entidade bancaria e a súa vida non se afasta xamais dunha rotina triste e gris dentro da cal é imposíbel sentirse verdadeiramente ben. J.J. fai cada mañá o mesmo, seguindo pautas fixas que agachan unha íntima insatisfacción que se revela logo todas as noites no arrouto de guindar os zapatos con enerxía, como queréndose desfacer deles e do que representan. J.J. non é feliz, e un bon día a súa infelicidade adquire unha forma concreta e inusual: a dun crocodilo de pel áspera que repousa debaixo da súa cama.
J.J. tarda pouco en comprender que só el é quen a ver o crocodilo. Descobre entón que non pode enfrontarse a el coas armas da razón e da lóxica e que terá que habituarse a manter a súa aparente existencia en segredo. J.J. resígnase a convivir co animal, ao que lle proporciona toda clase de zapatos e zocos como alimento. Unha veloz consulta no médico non parece resolver os seus problemas, e a posterior charla que ten co boticario ao ir buscar os medicamentos só consegue provocarlle aínda mais angustia; pero a leitura tranquila dos prospectos permítelle non só identificar con claridade todos os seus síntomas senón empezar a sentir o alento da ilusión que quizá mesmo lle permita achegarse a Helena, unha compañeira do traballo da que está namorado. De súpeto o seu estado agrávase e debe retirarse uns días á súa casa. Helena decídese a visitalo. J.J. ármase de valor e confésalle o segredo do crocodilo que o atormenta. Pero Helena non se inmuta. Ela tamén vive atormentada polo seu propio crocodilo, o crocodilo da soedade e o medo á vida.
Xa lles tenho dito que a literatura infantil e xuvenil, cando é boa, é tan boa como calquera outra.
Krokodiloa ohe azpian é o excepcional libro polo cal se lle concedeu o ano pasado a Mariasun Landa un moi merecido Premio Nacional de Literatura. Un texto sinxelo en apariencia e de deliciosa leitura que agacha dentro temas infrecuentes no xénero que a autora recolle con sabiduría e agarimo, enchendo de tenrura e humor unhas páxinas polas que sobrevoa o espírito de Kafka. Nun final feliz pero coidadosamente ambiguo os dous personaxes principais fican por fin xuntos e dispostos a emprender o camiño que conduce ao amor, deixando atrás frustracións e medos que, contodo, non se extinguen: o crocodilo resulta ser só unha lagartixa que se escapa pola xanela pero que pode volver en calquera momento. Mariasun Landa outórgalle ao seu relato un ritmo vivísimo que nos impide erguer os ollos del; nada que nos resulte estraño aos que xa disfrutamos doutros textos seus, como o
Elefante corazón de paxaro e en especial o insuperábel conto
A Morte e a Mestra polo que eu profeso pública admiración.
Erixido xa nun dos libros imprescindíbeis deste ano,
Un crocodilo debaixo da cama fala da necesidade de comunicarnos e de sentírmonos queridos, convertindo as angustias do home moderno en literatura de altísimo nível apta para todas as idades.
hoxe hai un ano: Leite
¶