A peza leva por título
Debate eleitoral, e como
a anterior precisa da participación do público. O centro do escenario estará ocupado por unha mesa grande arredor da cal se sentarán os tres actores da obra. Dous deles, aos que se lles chamará
Político A e
Político B, aparecerán vestidos exactamente igual e de costas aos espectadores, mentres que o terceiro, no papel de
Moderador, estará situado enfronte deles e polo tanto de cara aos asistentes. A posición relativa dos políticos dependerá entón do ponto de vista que escollamos, ou ben o do moderador, ou ben o dos cidadáns que os contemplan desde as súas butacas. Non haberá pois seguridade á hora de dicir cal dos dous está á
dereita e cal está á
esquerda, feito este que resulta esencial para as intencións desta obra.
No momento en que se abran as cortinas o Moderador saudará con cerimoniosidade aos Políticos (
"Político A, boas noites; Político B, boas noites"), e logo explicará do xeito máis breve e simples que poida que eles irán alternándose nas súas intervencións, establecendo unha duración de dous minutos para cada unha. Un reloxio ou unha pantalla de ordenador colocada sobre a mesa permitirá que os espectadores poidan ver con claridade a conta atrás deses dous minutos.
Sempre que interveña o Político A (que será quen abra o debate) limitarase a repetir cantas veces for preciso e de xeito monocorde
"The rain in Spain stays mainly in the plain". Cando remate o seu tempo o Moderador dará paso ao outro actor coas palabras
"É o seu turno, Político B". De maneira mecánica e sen entusiasmo o Político B encherá os seus dous minutos coa frase
"In Hartford, Hereford and Hampshire hurricanes hardly happen". Logo o Moderador dirá
"É o seu turno, Político A", e o ciclo reiniciarase de novo, nun bucle aparentemente sen fin. Os actores deberán procurar que a súa entoación apenas sufra cambios ao longo de toda a representación.
Aos asistentes pidéselles desta vez que presten a menor atención posíbel, e mesmo se lles convida a falar en voz alta, cantar, tocar instrumentos musicais ou calquera outra cousa que estimen apropiada. Os tres actores permanecerán impertérritos sobre o escenario repetindo as súas frases mentres haxa público na sala, pois a obra só se considerará finalizada cando saia dela o último dos espectadores.
¶