caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Tránsito e infortunio
> Tránsito e infortunio <

O excelente artigo de Nieves Gordón e Marcos Pérez sobre o tránsito de Venus que publica este mes de xuño a revista Quo ponnos sobre a pista do científico francés Guillaume Joseph Hyacinthe Jean Baptiste Le Gentil e os seus infrutuosos intentos de observar tal fenómeno astronómico. Le Gentil saeu do seu país cara a India en marzo de 1760, adiantándose ao tránsito en máis dun ano para poder preparar con máxima precisión e detenimento a súa observación. Infelizmente os franceses e os británicos andaban por esas datas metidos de cheo na Guerra dos Sete Anos, coa India como bocado colonial especialmente apetecíbel. Le Gentil nin sequera puido desembarcar. Estaba a ponto de facelo en Pondicherry cando esa cidade foi tomada polos ingleses, de xeito que non lle quedou outra que escapar correndo con destino a Illa Mauricio.

O tránsito de Venus do 6 de xuño de 1761 colleulle, por suposto, en metade do océano. Aínda que é certo que si puido observalo, nesas condicions era imposíbel tomar as medidas que lle axudarían a precisar, por paralaxe, a distancia da Terra ao Sol. O seguinte tránsito sucedería oito anos máis tarde, así que aproveitando que xa estaba alí e asumindo que surcar os mares entre barcos lanzándose canonazos non ía ser cousa fácil optou por ficar en Illa Mauricio. Utilizándoa como campamento-base botouse a explorar ben toda a zona, estudando a súa cultura e, supoño, confraternizando cos seus povoadores. Así pasou algún tempo, pero pronto decidiu que as Filipinas eran un mellor destino e alá foi, descubrindo que o governador español daqueles territorios non estaba polo labor de deixar entrar a estranxeiros con aparatos sospeitosos. Para daquela a guerra xa rematara e Pondicherry volvía estar en mans francesas. Por fin todo parecía marchar ben. Contaba co apoio das autoridades locais e puido preparar un completo observatorio. A partir das súas observacións astronómicas foi calculando con exactitude os dados que precisaba, como a latitude e a lonxitude. Chegou perfeitamente preparado para o gran día, o 3 de xuño de 1769. E aí foi cando todo se torceu. O ceo, que pola mañá estaba despexado e luminoso, foi enchéndose de nubes ao longo da xornada, até cubrirse por completo poucas horas antes do tránsito, e só ao rematar empezaron a abrirse claros. O home que levaba case dez anos entregado ao encontro de Venus e o Sol vía por segunda vez como todos os seus esforzos acabaran por ser inútiles, só que agora sabía que non ía ter máis oportunidades: para o seguinte tránsito habería que esperar até o 1874. Le Gentil ficou tan desolado que nin sequera foi quen a redactar o informe que debía enviar á Academia de Ciencias.

Antes de emprender regreso á Franza Le Gentil enfermou de disentería e estivo a ponto de morrer. Logo virían os ataques dos corsarios e as tormentas espeluznantes que convertiron a viaxe de volta nunha experiencia terríbel, pero o máis insólito agardáballe aínda na súa propia casa. Nin unha soa das cartas que mandara chegara ao seu destino, co cal os seus familiares e os compañeiros da Academia Francesa dérano por morto. As autoridades chegaran a expedir o certificado de defunción, o seu asento na Academia fora ocupado por outro científico e todos os seus bens estaban repartidos entre os seus supostos herdeiros. O único que lle quedaba a Le Gentil era a súa identidade.

A historia, contodo, ten un final feliz: acabou casando cunha dama adiñeirada e obtivo un novo posto na Academia. Quero pensar que desde ese momento Le Gentil viviría feliz, coa certeza de que xa nada do que lle puidera pasar podería collelo por sorpresa.

2004-06-01, 01:00 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/19100

Comentarios

1
De: Cesare Fecha: 2004-06-01 18:11

Está visto: arrédate dos astros



2
De: ElPez Fecha: 2004-06-01 19:05

La historia del tránsito de 1761 aparece deliciosamente contada (aunque la traducción es más bien horrorosa...) en el libro "Cita con Venus", de Jean-Pierre Luminet, Ediciones Apóstrofe (Barcelona, 2001) Merece la pena como lectura para estos días previos al tránsito.



3
De: Yogurtu Fecha: 2004-06-01 21:04

Si es que, tras tanto infortunio, Le Gentil debió quedarse tránsito de dolor.

¿Cómo que qué mierda de chiste?



4
De: Martin Pawley Fecha: 2004-06-01 22:25

Máis sorte que Le Gentil tivo Jean-Baptiste Chappe d'Auteroche, que contemplou con bon tempo o tránsito de 1761 desde Siberia. Para o de 1769 marchou á Baixa California e volveu disponher de ceos fermosamente despexados; pero estando alí enfermou de tifus e acabou morrendo en apenas un par de meses.

Non sei vostedes, pero eu case prefiro o infortunio de Le Gentil. ;-)



5
De: MOI BO Fecha: 2004-06-02 12:29

aproveitando que sae o nome de Pondicherry, recomendolles o libro:

VIDA DE PI



6
De: Jaio la espía Fecha: 2004-06-03 00:35

Gracias Pez, gracias sultán. Voy ahora mismo a comprar ambos: el Quo y el librito. ¡Feliz tránsito tengan ustedes!



7
De: Jaio la espía Fecha: 2004-06-03 00:36

Por cierto, Yogurtui, mierda de chiste no. Un asco :P A ver cuándo lo desodorizamos con "Ò de Gorbea"



8
De: Yogurtu Fecha: 2004-06-03 07:55

XD



9
De: nº5 Fecha: 2004-06-04 12:29

sintoo Jaio, non son Pawley

pero se les o libro aposto a que che vai gustar (aínda que sexa altamente arriscado tendo en conta que o único que temos en común é revolotear felices por estes lares)

escribínme con anónimos e algún que outro nome, pero non son capaz de achar un que me convenza...menos mal que afora meus pais fixeron o traballo por min jeje



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.147.237.64 (d9edc61e32)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley