caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Máis repartos eleitorais
> Máis repartos eleitorais <

A boa noticia é que nestas eleicións xerais a suma dos votos da esquerda e o nacionalismo na Galiza supera con comodidade aos obtidos polo PP, consolidando unha situación que xa se producira nas municipais de maio do 2003. A mala é que a extrapolación dos dados a unhas autonómicas segue permitindo unha maioría absoluta para o partido de Fragagá, axustada, todo hai que dicilo, pero maioría a fin de contas. Seguro que isto xa o leron na prensa do día, pero, onde, de non ser neste blog, poderían ver esas contas feitas con detalhe?

Xa lhes contei hai tempo como se fai o reparto de escanos, pero este é un momento apropriado para repetir a explicación. Para empezar, aos partidos esíxelhes que superen unha porcentaxe de voto mínima, que no noso caso é do 5%. Iso elimina de entrada á maior parte das opcións, incluida EU-IU. Ocuparémonos tan só, pois, dos únicos que tenhen opcións, PP, PSdeG e BNG. Agora, colhemos os votos de cada un deles e os dividimos por todos os números naturais até chegar ao que indica o total de escanos que se distribúen en cada circunscrición. Sei que isto sempre soa un pouco confuso, pero é ben fácil, xa o verán. Ponhamos, por exemplo, o caso da Corunha. Como nas eleicións autonómicas elíxense 24 parlamentarios por esta provincia, o que teríamos que facer é dividir o número de votos deses tres partidos entre 1, 2, 3, 4, 5... até chegar ao 24. De todos eses cocientes que se obtenhen, quedámonos cos 24 máis altos, e a cada un deles, e polo tanto ao partido que os obtivo, asignámoslhes un escano.

Fagamos, pois, a extrapolación das cifras de onte a unhas autonómicas. Preséntolhes simplesmente cada unha das provincias e os cocientes dos tres partidos con posibilidade de asignación; non lhes ponho todos os cocientes, para aforrar tempo, senón só aqueles aos que lhes corresponde parlamentario (en negrita), máis o primeiro dos cocientes que fica sen el. Aí van:

A Corunha (24 escanos)

PP: 311990,0 (1), 155995,0 (2), 103996,7 (3), 77997,5 (4), 62398,0 (5), 51998,3 (6), 44570,0 (7), 38998,8 (8), 34665,6 (9), 31199,0 (10), 28362,7 (11), 25999,2 (12)

PSdeG/PSOE: 276358,0 (1), 138179,0 (2), 92119,3 (3), 69089,5 (4), 55271,6 (5), 46059,7 (6), 39479,7 (7), 34544,8 (8), 30706,4 (9), 27635,8 (10), 25123,5 (11)

BNG: 85346,0 (1), 42673,0 (2), 28448,7 (3), 21336,5 (4)

Lugo (15 escanos)

PP: 116812,0 (1), 58406,0 (2), 38937,3 (3), 29203,0 (4), 23362,4 (5), 19468,7 (6), 16687,4 (7), 14601,5 (8), 12979,1 (9),

PSdeG/PSOE: 87945,0 (1), 43972,5 (2), 29315,0 (3), 21986,3 (4), 17589,0 (5), 14657,5 (6), 12563,6 (7)

BNG: 24944,0 (1), 12472,0 (2)

Ourense (14 escanos)

PP: 121353,0 (1), 60676,5 (2), 40451,0 (3), 30338,3 (4), 24270,6 (5), 20225,5 (6), 17336,1 (7), 15169,1 (8), 13483,7 (9)

PSdeG/PSOE: 69954,0 (1), 34977,0 (2), 23318,0 (3), 17488,5 (4), 13990,8 (5), 11659,0 (6)

BNG: 25547,0 (1), 12773,5 (2)

Pontevedra (22 escanos)

PP: 262127,0 (1), 131063,5 (2), 87375,7 (3), 65531,8 (4), 52425,4 (5), 43687,8 (6), 37446,7 (7), 32765,9 (8), 29125,2 (9), 26212,7 (10), 23829,7 (11), 21843,9 (12)

PSdeG/PSOE: 219340,0 (1), 109670,0 (2), 73113,3 (3), 54835,0 (4), 43868,0 (5), 36556,7 (6), 31334,3 (7), 27417,5 (8), 24371,1 (9), 21934,0 (10)

BNG: 69776,0 (1), 34888,0 (2), 23258,7 (3)

Resumindo: de producírense os dados das xerais de onte nuns comicios autonómicos, o PP sacaría un total de 38 deputados, 30 o PSdeG-PSOE e 7 o BNG, fronte ao 41-17-17 que temos na actualidade. Certo que estas contas valen de pouco, pois o comportamento dos votantes varía moito dun tipo de eleicións a outro, e ademáis parece improbável que nas autonómicas do 2005 se poida rexistrar unha participación tan alta como a de onte. Pero nunca vén de máis xogar un pouco cos números e tratar de afianzar algunhas leituras. A máis clara, sen dúvida, que o PSdeG/PSOE e o BNG deben seguir coas pilhas ben postas no que resta de lexislatura xa que aínda fica moito caminho por andar, e no caso do BNG o caminho ha de ser longo e tortuoso.

Para rematar, que cren que sucedería se a circunscrición eleitoral non fose a (anacrónica) provincia, senón a comunidade galega enteira? De aplicarmos o Método D'hondt ao total de votos dos tres partidos para distribuír os 75 escanos do parlamento de Galiza, o que resulta é a pérdida dun escano por parte do PP, que ficaría con 37, e posibilitaría un pacto de governo PSdeG/PSOE-BNG, con 29 e 9 deputados respectivamente.

2004-03-15, 01:00 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/16759

Comentarios

1
De: deneno Fecha: 2004-03-16 01:13

Xa non sei que pensar pero estes resultados son papel mollado, ó PSg-PSOE tocoulle a lotería e fíxolle ó Bloque o mesmo que lle fixo á IU no resto do Estado.

Tremo só de pensar nunha nova maioría absoluta do PP pero hai cousas que non teñen remedio. Non hai máis que ir mirando concello a concello (sobre todo os pequenos, excepto Allariz) para ver como están as cousas... En fin.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-16 01:36

O caso do BNG é ben diferente do de IU. IU realmente mantívose con dignidade en número de votos, perdendo só un ponto porcentual nunhas eleicións con forte tendencia ao bipartidismo. Os seus resultados parecen catastróficos non tanto porque o sexan realmente, senón porque IU é unha forza terrivelmente perxudicada polo reparto de escanos con isto das circunscricións provinciais e o Método D'hondt. Como lhe dixen onte nun comentario, no caso da Galiza EU-IU foi quen mesmo a subir en nível de voto. Explícase, entón, a xigantesca perda de cen mil votos do BNG, un de cada tres que tivo nas xerais do 2000, só polo voto útil? Por que ese mesmo voto útil non lhe afectou a ERC, ao PNV ou á mesmísima Chunta Aragonesista? Eu creo que farían ben no BNG en re-pensar moitas cousas e deixar de seguir buscando explicacións esotéricas a uns resultados que non son novos e dos que eles son responsáveis.

A extrapolación dos dados dunhas xerais a unhas autonómicas é un exercizo intranscendente ao que non lhe hai que dar moita importancia. Son procesos eleitorais diferentes, nos que se vota de xeito diferente, e nos que é lícito pensar que o BNG, por exemplo, obtería uns resultados bastante melhores. Pero non podemos esquecer que o PP segue gozando dunha base eleitoral extremadamente sólida na Galiza, por riba dos oitocentos mil votos. Eu creo firmemente que o PP vai perder a maioría absoluta nas eleicións do 2005, pero convén que os partidos da oposición non fiquen durmidos porque a pouco que se despisten temos a Fragagá en Raxoi até que se descomponha.



3
De: Vendell Fecha: 2004-03-16 08:45

¿Por qué a xente dun país rico e con identidade propia como Cataluña vota masivamente a opcións nacionalistas, mentres a xente dun país pobre e con identidade propia como Galiza vota masivamente a opcións centralistas?

¿Cantos votantes acuden ás urnas palpándose o peto?



4
De: peke Fecha: 2004-03-16 12:41

Quizais porque Galiza ten unha identidade propia que intenta por todos os medios sacarse de enriba. Galiza non está contenta coa súa identidade propia. Triste, pero...



5
De: Anónimo Fecha: 2004-03-16 14:34

Prefire a identidade dos ricos. Quere ser do real madrid. E cando aspira a proxectarse disfrázase de pequeno madrid (curuña, depor…)



6
De: IaRRoVaWo Fecha: 2004-03-16 18:24

Eu creo que aqui en Galiza é moi doado manter a maioria absoluta se se sabe como facelo. E o PP sabe como facelo. Mais eu espero que nas proximas eleicions autonomicas o PP non consiga a maioria absoluta (nin maioria), unha porque xa é hora e outra porque serán as primeiras eleicións nas que vote :P.



7
De: Anónimo Fecha: 2004-03-16 19:48

La buena noticia es que BNG pierde un escaño. Esperemos que en las siguientes elecciones siga perdiendo votos y al fin no seran representativos los que buscan marcar las diferencias entre personas escudados en el nacionalismo.



8
De: Diogo Grande Fecha: 2004-03-16 23:11

Home, eu nom tenho nengumha classe de ligaçom, ora oficial, ora de mera simpatia, com o Bloco ou qualquer outro partido de índole nacionalista. Aliás, alegra-me que, após a derrota do Partido Popular e em vista da necessidade de alianças parlamentares que proporcionem estabilidade ao novo governo espanhol, é previsível o fim criminalizaçom de toda ideia que ponha em causa o demagógico e hipócrita discurso espanholeiro que, suponho, ficará adormecido à espera de melhores tempos. A sua mensagem, senhor anónimo, é um magnífico exemplo dessa retórica fácil. As "diferenças entre pessoas" de que o senhor fala, se é que está a se referir às identidades nacionais, já existiam muito antes da configuraçom do nacionalismo político. Paradoxalmente, o nacionalismo de Estado unitário e centralista com origem na Revoluçom francesa, entre o que poderíamos incluir o espanhol, tem pretendido, ao longo da história, uniformizar culturalmente à populaçom, tendo sido tristemente freqüente a imposiçom em muitos lugares dumha língua que nom era nada familiar, quase sempre pola força e causando graves conseqüências psicológicas, com a finalidade de justificar a existência dumha naçom em países com diversidade étnico-cultural.
Estas "diferenças" nom tenhem porque justificar umha determinada organização político-social, o que facilmente conduz ao racismo. Nom obstante, o que o B.N.G. e outros partidos nacionalistas ibéricos defendem é um nacionalismo baseado na vontade de pertença a umha comunidade, e nom presidido por critérios étnicos, muito longe do que afirmam as caluniosas consignas espanholeiras, em decadência devido ao recente resultado eleitoral.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2004-03-18 00:08

Á pregunta que fixo Vendell no comentario 3 o galego 1034 respondería que aí radica a diferencia entre un país de verdade e un impaís.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley