Ganhar as eleicións en España é cousa fácil: basta con estar xa no governo. Facer campanha ao estilo tradicional, con
meetings e bandeiras que ondean en
prime time, é unha pequena concesión que se fai para manter as formas, para que se note que isto, alá no fondo, é unha democracia, ou case. A campanha de verdade faise día a día nos telexornais, inzados de sucesos e futebol, e consiste en non falar nunca de nada relevante, en divulgar mundos ficticios con praias esplendorosas e guerras xustas. Cun sólido aparato de propaganda detrás non hai candidato oficial que poida saír derrotado das urnas; pasou algunha vez, seino, pero non se tratou realmente de derrotas, senón de suicidios. E se polo meio xorden dificuldades imprevistas basta con entoar o sempre eficaz
"Que vén o lobo" para atrapar aos indecisos de pensamento débil. Sabemos que está todo atado e ben atado. O habitual é que quen manda siga mandando, non sen predicar constantemente o mito fundamental da alternancia.
Mais o rito é o rito. O rito obríganos cada catro anos a ficar sepultados pola propaganda eleitoral e a caminharmos polas rúas tratando de esquivar as miradas dos líderes políticos desde os cartaces de publicidade. Fuxindo da
tristeza não tem fim dos candidatos do BNG, aínda convencidos de que a demografía xoga ao seu favor e acabarán ganhando, dentro de vinte anos ou así. Fuxindo de Zetapé e da rancia renovación que representa un comité de notáveis que inclúe a José Bono e Gregorio Peces Barba. Fuxindo de Mariano, o da
boa estirpe, ese que dixo hai pouco
"no sé si tiene mucho sentido revisar el pasado" nunha entrevista no choio do Rei Lear. E falaba de Irak, conste, pero tenho para min que o seu subconscente pensaba ao tempo en moitas outras cousas.
O rito esixe, finalmente, que nos vistamos de domingo e vaiamos depositar uns sobres nunhas caixas, e que pensemos que facéndoo convertímonos en cidadáns. Logo chega o reconto, e con el, a realidade.
blogcampaña en Vieiros
dos arquivos estranhos: Fermín Muguruza (01/09/2003)
¶