caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > A guerra e a fe
> A guerra e a fe <

Escribín isto o oito de febreiro do ano pasado, unhas semanas antes de que eu me decidise a abrir o blog e algo aturdido polos ventos de guerra que sopraban con forza desde os Açores. Doce meses despois algúns seguen repetindo as mentiras que nos contaron daquela, así que o meu texto segue sendo válido, coa única salvedade de que o meu desprezo fíxose dez mil mortos máis intenso:

A guerra e a fe

Co fin de prestixiar o seu labor, os videntes acostuman a citar as súas predicións acertadas. Cóntannos as vodas e as separacións, as catástrofes naturais e os reveses da fortuna, todas as cuestións que a eles se lhes apareceron nunha especie de inexplicável iluminación e que logo tiveron algunha clase de correspondencia máis ou menos identificável con sucesos reais. Craso erro o seu. Mesmo aínda que acreditasen unha porcentaxe de éxitos próxima ao 100% eu seguiría sen lhes prestar atención. Aos que confiamos no procedemento científico o que nos permite desprezar as pseudociencias non é xa que non funcionen, senón que carecen de base teórica e de rigor metodolóxico. As sanacións milagrosas, as visións proféticas e toda esa sorte de desvaríos, non funcionan baixo regras fixas, e polo tanto esas experiencias nunca son reproducíveis. Dependemos sempre de que o noso profeta tenha ou non un bo día, e, aínda que o tivese, non sería capaz de xustificar en que se fundamenta a súa actividade. O peor dos médicos, polo contrario, sería quen a explicarnos a utilidade de empregar antibióticos contra algunha infección, por exemplo, e a min, que queren que lhes diga, iso de saber que estás en man de xente que parece entender ben os porqués do que fai, inspírame certa confianza. O outro é sempre unha cuestión de fe.

Non moi lonxe das pseudociencias anda ultimamente a política. Temos a un presidente dicíndonos día si e día tamén o necesario que é entrarmos en guerra contra Irak, que os seus aliados tenhen probas irrefutáveis que demostran tal necesidade, e deixando caer que os que non desexan a guerra non comprenden ben os compromisos internacionais e a posición estratéxica do noso país no mundo. Dalgún xeito insinúa a conveniencia de estarmos nós no "eixo do ben" ianqui-británico, afastándonos quen sabe se de xeito definitvo dos nosos eixos tradicionais, Sudámerica e o Mediterráneo. Conta todo iso, pero prescinde de ensinarnos as probas irrefutáveis e de explicarnos polo miúdo a necesidade da guerra, incluso renuncia a explicarnos que imos sacar en limpo nós de todo isto. Actúa esixíndonos un acto de fe: "debemos facer isto pero non vos podo explicar as razóns". Coma unha vidente, máis ou menos, pero cambiando o 906 pola cobertura infinitamente maior das televisións que lhe renden obediencia.

Pídenos adesión incondicional e a crenza cega nos seus actos, algo que ningunha persoa sensata pode admitir. Así que eu debo pensar que se non nos expón as súas razóns é porque non as ten. O único que obteremos da guerra con Irak é convertirnos en cómplices de milheiros de mortos, e dun número moito maior de refuxiados que perderán o pouco que posúen, por mor do monstruoso réxime de Sadam e do infame embargo ao que están sometidos. Non hai máis ca iso. E se algo máis houbera, a ese prezo, non o quero.

Pídenos fe para crer na morte. Acabará invocando a Deus, como fai o seu amigo vaqueiro, o criminal máis perigoso do planeta.

dos arquivos estranhos: Morrer para contalo (9/02/2003)

2004-02-23, 01:00 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/16076

Comentarios

1
De: Algernon Fecha: 2004-02-24 11:27

Mister Pawley, echo de menos sus posts hablando de cine...



2
De: Martin Pawley Fecha: 2004-02-24 22:06

Algernon, témome que vai seguir botándoos de menos (coa excepción dos "Oscars" deste domingo)...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.92.243 (ad14e44e47)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley