caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > First We Take Madrid
> First We Take Madrid <



Hai un ano a estas horas marchaba eu nun bus con varios amigos caminho de Madrid. A manifeirar, xa saben. Ao volver escribín unha pequena e lixeiramente emocionada crónica da experiencia, e aínda que eu daquela non tinha blog, Akin tivo a xentileza de publicalo en español no que el facía sobre o Prestige. Penso que este é o momento perfeito para recuperalo na minha bitácora na lingua na que foi creado. Se o escribise hoxe sairíame un texto diferente, seguro, entre outras razóns porque as circunstancias non son as mesmas: hoxe eu non vou nun autobús, caminho de Madrid.

First We Take Madrid

Temos a razón e temos a palavra. Enfronte están os axitadores do desprezo, os que minten, os que nos humilhan, os que pretenden facernos tragar con rodas de muínho. Os que botan riba de todos nós as acusacións máis noxentas. Os que perderán.

O 23 de febreiro tomamos Madrid. Enchemos Madrid de dignidade e de alegría, cousas estas que ao poder sempre se lhe antoxan subversivas. Pedimos xustiza, a xustiza que nos leva faltando desde o trece de novembro. E hai que ser moi necio, ou moi ruín, para confundir a petición de responsabilidades co rencor.

Miraras onde miraras, alí estabamos. Eramos centos de miles de persoas, unidos por unha mesma voz. Nunca Máis. Unidos pola esperanza e polo entusiasmo. E polo humor, tamén. Aos galegos sáenos sempre a retranca. A manifestación do domingo, coma as outras todas convocadas pola Plataforma Nunca Máis, foi unha festa. Sobra imaxinación e creatividade. Os de "Burla Negra" argalharon un impagável
espectáculo, subidos a unha réplica do "Prestige". Polos altofalantes soaban algunhas das frases máis memoráveis destes meses, e logo facían parodia delas. Algunhas desas frases son unha parodia por si mesmas, a verdade. Oes, por exemplo, a voz de Aznar dicindo "¿Conocen a alguien que haya hecho más por Galicia que Manuel Fraga?", e é inevitável escachar coa risa. Non cómpre comentario ningún. Nin Groucho o superaría.


Nunca Máis. Non falamos só de nós. Nunca Máis é un berro sen límites. Dicíao Manuel Rivas no seu elocuente manifesto. Nunca Máis ao odio, en todas as súas formas. Nunca Máis ao terrorismo. Nunca Máis á guerra. Deixádeme engadir a min, aquí e agora, outro ladrido alimentado polo meu fanático resentimento: Nunca Máis á fame.

Demasiadas horas de viaxe, non hai que negalo. Prefiro non falarvos nada do autobús; estou tratando de esquecelo, aínda que o meu lombo empénhase en lembrarmo. De todos xeitos, mereceu a pena. Levo melhor as incomodidades do corpo que as incomodidades da alma. E no caminho un vai constatando, unha vez máis, que o melhor que ten este país é a súa xente. E o peor que ten, algunha xente, pero son os menos. E antonte, desde logo, non estaban.

Oínlho a un amigo lúcido hai un par de meses, poucas horas antes do "Velorio do mar" que encheu de velas e cruces a Delegación do Governo na Corunha. A segunda transición, dixo, sen moitas explicacións, coma quen non di nada. Vaia, non está mal. É o que nos queda. Agora toca devolvérmonos a nós, os cidadáns, o poder que lhe prestamos a uns individuos que demostraron non ser merecedores da nosa xenerosidade. A segunda transición, soa ben. Pódese dicir que a primeira transición baixou o telón, definitivamente, un 23 de febreiro, hai moitos anos. A ver, a ver, quen sabe. Pode ser que antonte, noutro 23-F, se abrira o caminho da segunda. Ao melhor, até vai resultar que outro mundo é posível.


Manifestante en Madrid

dos arquivos estranhos: Baleiro (6/04/2003)

2004-02-23, 01:00 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/16053

Comentarios

1
De: Uxio Fecha: 2004-02-23 15:44

Acórdome ben dese dia, emocioneime moitisimo vendo como Madrid se daba contoa do que significaba a galeguidade, ainda que so fose por un dia.
Unha aperta!



2
De: Pépi (de Pépi, Lúci e Bom) Fecha: 2004-02-23 21:55

Sinto-me PARVA.



3
De: Indi Fecha: 2004-02-23 22:07

Ao melhor, até vai resultar que outro mundo é posível...
Non so iso, é necesario. Outros moitos mundos son posíveis, principiaremos pola Casa, logo Madrid, Berlín, Haiti, Palestina, Uganda, Bolivia.... Hai moitos mundos a melhorar. Nós, a nosa idade, non renunciamos. Saúde



4
De: Martin Pawley Fecha: 2004-02-23 23:56

Pépi, por que se sinte parva?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.52.8 (b2f138890d)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley