caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > A burla
> A burla <

Estamos na melhor época do ano para valorar apropriadamente ese anaco de tregua que dous terroristas de ETA deron a conhecer pola manhá. Porque ese anuncio non deixa de ser unha xigantesca antroidada, funesta e sen gracia, unha sorte de broma de pésimo gosto moi natural nuns individuos afastados da razón. ETA é unha banda que ameaza, extorsiona e asasina, e calquera desas accións convírtea en absolutamente indesexável. Encerrada no seu patético "como molo", ETA búrlase máis unha vez de min e de todos os cidadáns da terra que eu tenho por nación, que é a Galiza, e do estado ao que pertenzo, que é a España. ETA, de feito, búrlase de todo o xénero humano ao lhe ponher fronteiras ao dereito á vida. Mentres a banda non anuncie o que ten que anunciar, que é o definitivo abandono das armas, non paga a pena ocuparse dos seus noxentos comunicados, escritos coa prosa delirante dos que se cren en posesión da verdade absoluta. A visión dos terroristas sobre o mundo inspírame tanto interese como os pronunciamentos da Igrexa Católica sobre a condición sexual das persoas: é dicir, ningún.

Eu non duvido en outorgarlhes o meu desprezo aos terroristas, pero o que non podo deixar de reconhecer é a súa habilidade. É evidente que este anuncio, a menos dun mes das eleicións xerais, debe ter algunha leitura adicional. O que pretende ETA desde hai moito tempo é estabelecer unha división ríxida entre uns e outros, saboteando as posibilidades de negociación política que caben perfeitamente dentro do noso sistema. O PP, no outro extremo, adícase a fechar portas mentres se enclaustra no máis alto dunha torre na que xa só están eles. Fóra ficamos todos os demais, esa aplastante maioría. Entre eles, os que desde diferentes posicións ideolóxicas nos amosamos visceralmente contrarios a toda forma da violencia, e ao tempo asumimos que nada bon pode erixirse desde o odio e a negación do diálogo.

Ninguén pode asignarse o monopolio do sufrimento, porque o sufrimento de calquera persoa debe ser sempre unha traxedia compartida. Empregar a dor alhea como argumento de ataque é unha perversidade da que algúns non deixan de botar man, facendo un uso partidario e vil de situacións que nos afectan a todos.


Leiras da BloGaliza: ronsel (deneno's blog)

2004-02-18, 01:00 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/15936

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2004-02-19 08:29

O sinsentido de onte (ao cal o comunicado de ETA só aporta a chispa) ten un sentido ben claro:¡en política vale todo!



2
De: Fran Alonso Fecha: 2004-02-19 09:19

Tes toda a razón. Nesta acción envelenada maquina por ETA hai dous claros beneficiados: a propia organización terrorista e mais o PP, que a exprime contra o interese xeral e a favor do seu propio beneficio electoral.



3
De: Descalza Fecha: 2004-02-19 11:02

Radicalizando postruras e xerando un ambiente de crispación..
"ata+cando" e o peor de todo..cómo será o final se é que o hai.



4
De: peke Fecha: 2004-02-19 12:37

Eu, a verdade, estou chegando a un punto en que non entendo nada de nada. ¿Alguén podería explicarmo?



5
De: ock Fecha: 2004-02-19 13:12

o peor de eta, ademais da súa existencia, é que so sirva para a compra-venda de votos ou dito doutro xeito poña en evidencia o sistema democrático que temos.



6
De: o paseante Fecha: 2004-02-19 13:25

Unha das cousas que máis me impresionan dos terroristas é a súa absoluta incapacidade para articular un razoamento que teña o máis mínimo sentido fora da súa visión psicótica da realidade.
Eu creo que non se pode prantexar ningún tipo de diálogo con esta xente, entre outras cousas, porque carecen da lucidez necesaria para acometer unha tarefa deste tipo; pero principalmente porque son asesinos, e o lugar de esta xente está na prisión.
O diálogo que é necesario é o diálogo co pobo vasco, evidentemente; pero esto só se poderá producir cando desapareza ETA, porque antes de existir diálogo, ten que haber un debate social libre sobre a autodeterminación do pobo vasco, e iste debate nunca poderá ter lugar na situación presente.



7
De: Vendell Fecha: 2004-02-19 15:46

Paseante, a incapacidade para dialogar dos etarras xa a daba por sentado. O que estamos a descubrir e que unha incapacidade similar padecen os actuais líderes do PP, seguidores da doctrina Aznar.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2004-02-20 01:09

Certo, paseante, que con ETA hoxe por hoxe hai moi pouco do que falar. Pero, por sorte, ETA non governa, nin representa politicamente a ninguén máis que a ela mesma. Que os terroristas falen ou que deixen de falar é algo que a nós debera traernos sen coidado, mentres non nos anuncien algo interesante. O que nos debera preocupar é, como anota Vendell, a absoluta incapacidade para ver máis aló dos seus fucinhos por parte dos dirixentes do PP, que polo feito de ocupar o poder deberan ser os encargados de conducir estas cuestións polo caminho da sensatez e da cordura. Se tivesen a máis mínima intención de escoitar outras visións dos feitos diferentes das súas proprias, faríano, posto que en Euskadi hai interlocutores válidos de sobra. Pero o PP non quere, porque vailhe eleitoralmente moi ben exercendo de defensor desa España Una, Grande y Libre que é a que no fondo lhes pide o corpo a moitos deles.



9
De: o paseante Fecha: 2004-02-20 08:26

Totalmente de acordo.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.32.65 (d3893ad4e6)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley