caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Un ano
> Un ano <


O afundimento, visto por Xurxo Lobato

O 19 de novembro de 2002 afundía o petroleiro Prestige desencadeando unha das maiores catástrofes ecolóxicas da historia. Durante seis días o vetusto e fráxil barco fora paseado pola costa galega nun exemplo de insensatez moi proprio dunhas autoridades que en ningún momento entenderon as dimensións da traxedia que se nos vinha a todos enriba. Para daquela toneladas e toneladas de chapapote empezaban a chegar até nós, invadindo sen piedade kilómetros e kilómetros de litoral, praias e rochas. O noso prestixioso líder, o Fragasaurio, tomou nese momento unha decisión que nos revela o seu fondo compromiso coa Galiza: foise de caza a Aranjuez.

Desde o governo tan só recebemos desprezo. As frases ditas neses días por uns (ir)responsaveis ou outros poden formar parte de calquera antoloxía do disparate. "La rápida intervención de las autoridades españolas, alejando el barco de las costas, hace que no temamos una catástrofe ecológica", dixo o ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, tres días antes de que o Prestige partise en dous. Horas despois, o conselheiro galego de Pesca, Enrique López Veiga, afirmaba que "no puede hablarse de marea negra, sólo de un vertido de fuel". En efecto, non foi unha maré negra. Foron meia ducia, polo menos.

Ao cabo dunha semana o incendiario delegado do goberno na Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, aportaba á historia unha frase que faría feliz a Lewis Carroll: "Hay una cifra clara, y es que la cantidad que se ha vertido no se sabe". Nin el nin ningún dos outros demitiu, como saberán. Nese momento a desfeita era xa evidente, imposível de ser ignorada nin sequera polos noticieiros das televisións públicas, mergulhadas até o pescozo no maior exercicio de manipulación que se lembra en anos.

O estado falhounos a todos os galegos, desapareceu xusto no momento no que precisabamos del. E a Galiza púxose en marcha. Miles de persoas lanzáronse a limpar o chapapote ao tempo que todos os trabalhadores do mar adicaban os seus esforzos a vixiar o percorrido das xigantescas bolsas de fuel e a evitar que novos vertidos chegasen á terra. Mentres a administración seguía perdida, os cidadáns organizáronse con envexável coordinación tendo en conta a absoluta falta de meios. Foron xornadas heroicas. Pronto empezaron tamén as mobilizacións. A primeira, en Santiago, o 1 de decembro, nunha xornada épica de chuvias intensas que non impediron a presenza de douscentos mil galegos na praza do Obradoiro, o corazón do noso país. Naceu o "Nunca Máis", berro que se convertiu en símbolo dun povo en pé, que colga orgulhoso a bandeira nas xanelas de infinidade de fogares.

Foi a primeira, pero non sería a única. Dez días despois, cento cincuenta mil persoas manifestábanse en Vigo esixindo solucións urxentes. Na Corunha, o 9 de febreiro, outros cen mil cidadáns botámonos á rúa noutra protesta para a historia, coa fin de dicirlhe ao governo que os galegos non nos resignamos a que a única alternativa que se nos oferece sexa a emigración. O seguinte paso foi tomar Madrid. Na madrugada do 23 de febreiro arredor de mil autobuses saían de Galiza cara a capital de España; moitos miles máis de galegos desprazáronse nos seus proprios coches. De manhá a capital estaba invadida de xeito pacífico e festivo por meio milhón de persoas. Tratouse en todos os casos de manifestacións sen incidentes, cargadas de bon humor e de ironía. Alí onde a outros sáelhes a violencia, aos galegos sáenos sempre o humor.

Cal foi a resposta do governo ás nosas lexítimas reivindicacións? Pois, en primeiro lugar, o insulto. O presidente Aznar dixo de todos nós que eramos "agitadores del resentimiento, que ladran su rencor por las esquinas". Somos "perros que ladran", en terminoloxía de evidente resonancia nazi. O Fragasaurio diría logo que andabamos "enchendo Galicia de merda". Intentaron botar lixo riba da Plataforma Nunca Máis insinuando que empregaba irregularmente as doazóns que estaba recibindo. Fracasaron no seu intento. Cando por fin as autoridades se decidiron a actuar xa era demasiado tarde e perderan a pouca credibilidade que lhes quedaba. O "Plan Galicia" anunciaba inversións multimilhonarias en infra-estruturas (algunhas delas elementais) das que o noso país aínda carece, pero non estabelece ningún tipo de prazos nin especifica partidas presupuestarias concretas. Tratábase, mais unha vez, de pura propaganda. Mentres tanto, seguían sen tomar medida algunha que poida evitar traxedias coma esta no futuro, de tal xeito que a día de hoxe disponhemos basicamente dos meios que tinhamos hai un ano para paliar unha situación así: é dicir, case ningún.

Seguen a nos dicir que tomaron as melhores decisións posiveis e que volverían facer exactamente o mesmo. Que nada melhor que afastar o barco da costa porque así tocounos un pouco (de chapapote) a todos, como dixo onte sen arroxear coa vergonha o impresentável conselheiro López Veiga. Calquera galego de ben debe sentir arrepíos ao escoitar iso. Estamos vendidos. Mentres eles sigan a nos governar todo isto pode suceder de novo. Non aprenderon desta traxedia, que non é nin moito menos a primeira que vivimos, e parece ser que non aprenderán. Para eles, as praias sempre estarán esplendorosas e aparentemente limpas, malia que ao longo de todo este verán non deixase nin un só día de chegar fuel en bolinhas a toda a costa do Cantábrico. Aínda hai rochas cubertas de fuel e os fondos marinhos atópanse nun estado nada tranquilizador, segundo din grupos ecoloxistas e algúns organismos oficiais. Os mesmos que afirman que a costa tardará dez anos en recuperarse e que se perdeu unha xeración enteira de moitas especies, entanto o "Prestige" segue onde estaba, deitando o fuel que lhe queda dentro, e coa solución definitiva adiada para quen sabe cando. Do que se trata é de que nos acostumemos a "convivir co chapapote", como nos dixeron no seu día. Non hai lugar para o optimismo. Unha ameza viscosa ronda arredor de nós.

Esa é a realidade. Esta é a crónica, dispersa e urxente, destes doce meses que cambiaron o país no que eu vivo. Xa nada será coma antes. Pode ser que ese cambio non se vexa reflectido tan rapidamente coma algúns desexamos, pero o cambio existe. O chapapote nunca poderá taparnos os olhos nin a boca. O meu é un país que dixo "Nunca Máis", que é xa un berro sen límites. Un país que grita, en palavras do gran escritor galego Manuel Rivas, Nunca Máis ao odio, en todas as súas formas. Nunca Máis ao terrorismo. Nunca Máis á guerra. Eu, posuído por un fanático resentimento, gosto de engadir un ladrido final: Nunca Máis á fame.

As fotos

Tiradas de La Voz de Galicia


o afundimento, Axencia Efe


Muxía despois da primeira maré preta, por Paul Hanna


manifestación de Santiago, 1-12-2002, por Xurxo Lobato


manifestación de Vigo, 11-12-2002, por M. Moralejo


manifestación de A Corunha, 9-2-2003, por Xurxo Lobato


manifestación de Madrid, 23-2-2002, por Paco Campos

Fotografías de Iván Beceiro - Foro do Caracol


manifestante en Madrid


lembrando a Man en Madrid


23 de febreiro, Madrid


o futuro

Fotografías de Martin Pawley


a manifestación das maletas


María Pita


a bandeira en Alhariz


a visión dos nenos

Cartel da manifestación do Domingo, 16 de Novembro



Enlaces sobre o "Prestige"

unha historia escrita polo Omar

o blog que mantivo Akin

a web da Plataforma Nunca Máis

a de Burla Negra

a do colectivo de ensinantes Area Negra

e esta iniciativa desenvolvida desde Libro de notas esixindo responsabilidades

2003-11-12, 11:30 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/12945

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2003-11-12 12:22

No esencial, este texto é idéntico a outro que publiquei hai cousa de seis meses. Limiteime a introducir algúns mínimos cambios. O que dixen daquela segue valendo: iso é o verdeiramente terrível.



2
De: Algernon Fecha: 2003-11-12 18:33

Excelente post, Pawley :)

P.D: El título suena raro...



3
De: Mc Fecha: 2003-11-12 22:39

pues gracias por contarlo tan bien Pawley.. que tristeza!! me niego a resignarme :((



4
De: Belatza Fecha: 2003-11-12 23:49

Es normal que apenas hagan falta cambios en el post, Martin.. porque esto resulta tan vigente ahora como hace un año en nuestras costas.
Muy buen post en este mundo de amnésicos. :)



5
De: not a pretty girl Fecha: 2003-11-13 00:22

Felicidades por el post, Señor Pawley :)



6
De: Akin Fecha: 2003-11-13 00:23

Acabo de plaxiarche o texto para poñelo nos meus blogs. Espero que non che importe.



7
De: Vendell Fecha: 2003-11-13 01:55

Así están as cousas.
Mecachis.



8
De: eva-lamaga Fecha: 2003-11-13 08:17

Martin Pawley, daríame vostede o permalink a esta historia?
é para o enlace dende evasivas. Enlacei a sua bitácora, pero gostaríame molito enlazar esta historia en particular.



9
De: eva-lamaga Fecha: 2003-11-13 08:19

onde din molito é moito.



10
De: eva-lamaga Fecha: 2003-11-13 08:24

onde din molito é moito.



11
De: Martin Pawley Fecha: 2003-11-13 10:41

Por suposto, Maga. O link é este:

http://pawley.blogalia.com/historias/12945



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.211.200.222 (4a9aea0649)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley