Os festivais de cine soen premiar películas cun certo toque transcendente e espeso e un polo habitual nulo senso do humor. Que o xurado do Festival de Venecia de hai un par de anos decidise outorgar o León de Ouro a unha obra tan fresca e louzana como
Monsoon Wedding non deixa de ser un feito tan insólito como estimulante. Ficara encantado cando a descubrín no cine, pero maravilloume aínda máis onte ao vela por segunda vez, coa ventaxa de disfrutala en versión orixinal (imprescindíbel neste caso, pois nos permite apreciar os constantes cambios de idioma).
Monsoon Wedding mestura tradicións e modernidade, xogando permanentemente con contrastes ideolóxicos e estéticos. Tenrura e paixón, sensualidade e exotismo ao gosto occidental, as vodas concertadas e os sentimentos que nacen de súpeto, todo cabe nesta xoia dirixida maxistralmente por Mira Nair. Non sei se oferecer á amada un corazón feito con caléndulas é unha cursilería en grao máximo ou un prodixioso acto poético; pero de feito todo o filme camiña de principio a fin na liña mesma que separa o sublime do ridículo. A fermosura das imaxes, subraiada pola portentosa música de Mychael Danna, supera todas as dúbidas. A película toca con exquisita elegancia temas de difícil tratamento, pero malia iso persiste nela un espírito festivo. O espectador séntese lixeiro, con ganas de sumarse á festa, convivindo felizmente con esa familia que sentimos tan próxima a nós malia ser tan distinta, grazas ao gran traballo dun reparto encabezado por un colosal Naseeruddin Shah como pai de familia. Memorábel xa desde os seus títulos de crédito, con ese deslumbrante tema
Baraat soando de fondo,
Monsoon Wedding acaba por ser unha celebración gozosa da vida e o amor, con todos os seus conflictos e os seus misterios.
¶