caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Martin Pawley (endogamic days, 3)
> Martin Pawley (endogamic days, 3) <

O blog de Martin Pawley non admite louvanzas desmesuradas nin tampouco críticas demasiado severas. Ten un nível medio bastante aceptábel, con esporádicos arrebatos de xenuina inspiración. O adxectivo que mellor lle cae é o de ecléctico, que é un dos que soemos aplicar a aquelas cousas sobre as que non nos atrevemos a emitir opinións moi precisas.

En verdade, ecléctico é. Polo blog levan pasado textos moi diferentes en estilo e temática, até o ponto de chegar a resultar ás veces un pouco desconcertante. Tan pronto orixina unha polémica sobre algún deses asuntos que soliviantan os ánimos, como se recrea con poemiñas de aparente inxenuidade. Salta dunha cuestión a outra sen mirar cara atrás, esixindo flexibilidade e cintura aos seus leitores, que por veces poden chegar a sentirse confundidos a respeito das intencións do autor. E é que Pawley con frecuencia xoga ao despiste. Sérvese de cando en cando unha copa de autobombo sen que acabe de ficar moi claro até que ponto está convencido do que di. Exibe impudicamente os seus haikus, o cal non deixa de ser un acto de creación poética lixeiramente pedante; ás veces os resultados non pasan de ser molestamente ripiosos, pero non se pode negar que noutros momentos chega a alcanzar destellos de brillantez. É evidente, tamén, que fai un uso lúdico desa estructura poética pechada, deixándose levar ocasionalmente por un certo espírito marxista (tendencia Groucho).

Nótase unha significativa evolución ao longo destes meses. A bitácora naceu en tempos de ardores guerreiros e hilillos en estiramiento vertical; aquel presente negro chapapote favorecía un tono transcendente e lixeiramente doutrinario. Pouco a pouco foise reforzando a ironía e o escepticismo que lle son proprios ao autor, que agora se permite tratar algúns deses mesmos temas desde unha perspectiva máis sarcástica, cun chisco de absurdo arrabalesco. Non pretendeu nunca facer un blog chistoso, pero é fácil captar nel un fondo senso do humor. Pawley xoga coa súa liberdade creativa, facendo sempre o que lle peta, e o que é mellor, convidando aos seus leitores a que fagan o mesmo. Sabe que desde un blog non é posíbel cambiar o mundo, pero entende que iso non xustifica que todos nos entreguemos a un escapismo en technicolor que se corresponde máis coas películas de María Montez que cos tempos convulsos que vivimos. Ao mesmo tempo, é escéptico dabondo como para tomarse calquera cousa demasiado en serio, incluido a si mesmo.

Pawley escribe con corrección, sen grandes alardes, e aínda que non sempre saiba dotar de verdadeiro contenido ao seu blog si é posíbel entresacar entre os textos alí aparecidos algúns bastante afortunados. A súa principal virtude, porén, segue sendo o seu carácter inconformista e irónico, sen o cal sería imposíbel entender algúns dos posts. Este, por exemplo.

2003-09-17, 03:18 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/11401

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.184.33 (69dce31260)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley