Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > Media ducia de razóns para ir ao Festival de Donostia
> Media ducia de razóns para ir ao Festival de Donostia <



1. A retrospectiva clásica dedicada a Mario Monicelli, co cineasta italiano aínda en activo aos seus 93 anos. Na Mostra de Venecia que comeza a vindeira semana poderá verse o seu novo traballo, a curtametraxe documental Vicino al Colosseo c'è Monti. Máis de corenta filmes servirán para repasar a traxectoria dunha lenda viva do cinema italiano. Se como está previsto vén a Donostia pedireille a Fanny Brice que mo presente.

2. A retrospectiva contemporánea dedicada a Terence Davies, cuxa obra é máis ou menos ben coñecida en España. O ciclo, que logo pasará polo CGAI, presentará en España o documental Of time and the city, un dos títulos máis aplaudidos do último Festival de Cannes.

3. A retrospectiva temática, con certeza o prato forte desta edición: Japón en negro, que nos ofrece unha potentísima escolma de filmes na maior parte dos casos pouco ou nada coñecidos en Europa. Un ciclo certamente excepcional que marca un atinadísimo cambio de rumbo no certame donostiarra.

4. Horizontes latinos, sección á cal habitualmente lle prestamos escasa atención, e que desta volta contén varios puntos de interese: Leonera de Pablo Trapero, Tony Manero de Pablo Larraín, Acné de Federico Veiroj, La sangre brota de Pablo Fendrik ou La rabia de Albertina Carri, así coma o regreso de Heddy Honigmann ao festival despois da celebrada Forever.

5. A Sección Oficial, cuxa programación completa non se coñece aínda, mais da que xa nos adiantaron varios títulos que inspiran especial curiosidade: El nido vacío de Daniel Burman; Aruitemo aruitemo de Hirokazu Koreeda; o novo de Kim ki-duk e Michael Winterbottom; outra entrega da familia Makhmalbaf, desta volta Samira; Camino, o filme de Javier Fesser sobre o Opus e o fanatismo relixioso que se anuncia polémico; e o Tiro en la cabeza, a película "experimental" do director Jaime Rosales.

6. Vicky Cristina Barcelona, a mellor estrea comercial de Woody Allen no que vai de século, como Perla inaugural de Zabaltegi. A Jaime Pena e a Àngel Quintana pareceulles infecta.

2008-08-21, 16:14 | 16 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/59032

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 01:10

E falta por saber o resto da Sección Oficial, a de Nuevos Directores, as Perlas do Zabaltegi, a identidade dos Premios Donostia...



2
De: Fagot Fecha: 2008-08-22 11:46

Non me digas que non vas falar de Pradolongo...



3
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 14:07

De Pradolongo xa falan abondo os medios galegos, mesmo reproducindo datos inexactos que a sitúan como a película galega máis vista da historia.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-22 15:25

Por certo, hoxe anunciouse o programa de Nuevos directores.



5
De: Padre Baranda Fecha: 2008-08-22 18:31

Pese a quen lle pese, Padrolongo é o filme galego máis visto da historia. E se non o é, serao pronto. E se falan dela nos medios galegos é a base do esforzo de Ignacio Vilar e os seus, non porque a eles lles conveña, que doutros filmes "galegos" falan bastante máis sen teren nin a metade de repercusión.

Eu non entro a facer valoracións sobre a calidade da cinta, porque non a vin, pero está claro que o feito de ser proxectada en Donosti é un fito se temos en conta o modesto desta produción.

Creo que, aínda que somentes sexa pola ilusión, a honestidade e o traballo do equipo xa merece ser comentada. Se a víu vostede, móllese. Se lle pareceu boa dígao abertamente e se non é así fágao tamén. Veña home! Non ande con rodeos. Cóntenos! Que neste mundo do audiovisual galego non todo vai a ser Oliver Laxe ou os vídeos das vacacións.



6
De: Fanny Brice Fecha: 2008-08-23 10:20

Cruzaremos los dedos, Sr. Pawley. Y si hay oportunidad, cuente con ello.



7
De: Fanny Brice Fecha: 2008-08-23 10:31

PD. El cartel de esta edición me sigue provocando urticaria.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 14:44

Non, Padre Baranda, "pese a quen lle pese", Pradolongo aínda non é o filme galego máis visto da historia. Primeiro habería que dicir que é iso de "filme galego", porque cando convén (por exemplo, a efectos de outorgar Premios Mestre Mateo) considéranse "galeguísimas" películas como Un franco, catorce pesetas ou mesmo Cargo. Imaxino que o que se valora neste caso é a lingua de rodaxe, e que a produción sexa ao 100% de aquí, feitos, en efecto, dignos de considerar. Mais en honor á verdade hai que recoñecer que Sempre Xonxa sácalle aínda boa vantaxe ao filme de Ignacio Vilar. En outono vaise estrear fóra de Galiza, disque; quizá daquela mellore os números da película de Chano Piñeiro. A data de hoxe, e segundo datos do Ministerio -digo aquí o que xa dixen acolá: posibelmente aínda estean sen actualizar-, Pradolongo leva 17 mil espectadores e Sempre Xonxa máis de 60 mil. Falamos de entradas vendidas, que é o que conta, pois é o único do que se poden ter medicións fiábeis. As estimacións do número de espectadores nas proxeccións de "cinema de verán", como comprenderá, poden ser bastante arbitrarias.

Pradolongo vai ser proxectada en Donostia dentro da sección Made in Spain, que acolle unha escolma de filmes españois do ano. Os destinatarios principais da sección son, en xeral, os medios estranxeiros e os visitantes do Sales Office, pois suponse que os xornalistas españois xa tiveron ocasión de ver no seu día a maior parte dos filmes. A presenza de Pradolongo é tan notábel como a de De profundis o pasado ano. En calquera caso, convén revisar as programacións dos últimos anos para situar na súa xusta medida o que significa o ciclo Made in Spain (Los managers, Semen, una historia de amor, 20 centímetros).

Por certo, a modesta produción ten un orzamento oficial de 1,2 millóns de euros e tivo en 2006 unha subvención de 240.583 €. Hai películas españolas bastante máis baratas (e con máis espectadores) que acabaron chegando ao festival de Cannes. Parabéns para Ignacio Vilar e o seu equipo, en calquera caso.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 15:15

Fanny Brice, pois imaxine como será a bolsa do festival este ano... A verdade é que ningún dos cartaces é bonito: nin o da "Z" de Zabaltegi, nin o verde de Horizontes latinos. Os das retrospectivas teñen un pase, mais non son especialmente orixinais.



10
De: Fagot Fecha: 2008-08-23 16:49

Si, xa sabía eu que a simple mención xa ía resultar polémica :)
Non creo que se deba menosprezar o traballo de ninguén pero tampouco caer nun triunfalismo fácil. O ano pasado "Pérez" foi o filme máis taquilleiro do cine español e é unha peli que "é galega segundo cadre".
O que parece é que existe unha necesidade de dar titulares moi grandilocuentes que en moitos casos son "interpretacións moi libres" como o número de espectadores. Dicir que Pradolongo é o filme galego máis visto da historia é como dicir que De Profundis é o primeiro filme europeo de animación de autor: un titular.
O que está claro é que ese titular non fai nin mellor nin peor a película. É certo que hai filmes que con menos chegan a Cannes pero en todo caso ver un filme galego en Donosti é unha boa nova. Quizais o que se debería sería quedarse nese feito que é totalmente obxetivo, e non esaxerar de feito desmedido a noticia.



11
De: Fagot Fecha: 2008-08-23 16:56

Por certo, en canto ó das proxeccións de "cinema de verán", Sempre Xonxa leva proxectándose máis de 10 anos nos distintos programas de proxeccións que hai en Galicia. Se contamos os datos de expectadores...



12
De: Fagot Fecha: 2008-08-23 16:56

espectadores, perdón :)



13
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-23 17:27

Completamente de acordo, Fagot. Hai que situar as noticias no seu punto xusto, e por suposto que é bo ver en Donostia un filme de produción galega, como aconteceu o ano pasado con De profundis ou antes con La casa de mi abuela, que pasou por Zabaltegi con escaso eco nos medios, por certo.



14
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-24 20:21

Vicky Cristina Barcelona está manténdose moi moi ben nas salas comerciais ianquis, comparado co que é habitual en Woody Allen. E excelentes as cifras de doutras dúas comedias: Pineapple Express, o novo froito da factoría Apatow, esta vez cun director de certo prestixio detrás, David Gordon Green; e Tropic thunder, que traerán a Donostia Ben Stiller e Robert Downey Jr.



15
De: Padre Baranda Fecha: 2008-08-25 18:52

... non sei se entenden vostedes, pero eu non só falo de cifras, estas sempre son manipulábels. Nunca me atrevería a falar de Sempre Xonxa en canto a número de espectadores, este filme é moito máis. E se nombramos Mamasunción, xa estariamos en palabras maiores. Impensábel poñerlle cifras a algo que xa forma parte de nós, é tentar porlle reixar ao intnaxíbel.

Ao que ía, as cifras en debate, ou a súa participación en festivais ou medios de comunicación, non son máis ca unha excusa. A súa excusa, penso eu. Ningún de vostedes, a críticos me refiro, fixo un comentario da calidade (ou falta dela) do filme de Vilar.

Pero bueno, alá cada un. Eu recollo e voume.

Sáude.



16
De: Martin Pawley Fecha: 2008-08-25 20:38

Xustamente diso falei eu, da manipulación das cifras que practican aqueles que din que Pradolongo é o filme galego con máis espectadores. Sobre a súa calidade, aínda non me pronunciei, e tampouco sobre a de Sempre Xonxa.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.62 (14ee4eb600)
Comentario

tradución automática: es pt

46 Festival de Xixón

do 20 ao 29 de novembro









axenda cultural



están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

seis anos do prestige


O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley