Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > Sobre o Manifesto da Federación Galeusca
> Sobre o Manifesto da Federación Galeusca <

Penso que xa deixei ben claro no blog o meu desprezo polo noxento Manifiesto por la lengua común, un texto inzado de afirmacións perversas e/ou falsas, que parte dunha mentira inicial ("Desde hace algunos años hay crecientes razones para preocuparse en nuestro país por la situación institucional de la lengua castellana..."), para logo introducir o extravagante concepto da "lengua principal de comunicación democrática" e afirmar que non é inxusto que os galegos esteamos obrigados a coñecer un idioma oficial (o español), mais non o outro, casualmente o específico, o propio, o noso.

O Manifiesto prescinde dos criterios técnicos para meterse en cuestións educativas e defender o dereito dos nenos a seren escolarizados "en lengua castellana, sea cual fuere su lengua materna", o cal implica necesariamente que os pais teñan potestade para elixir a lingua vehicular dos seus fillos no colexio, que segundo esa tropa de abajo firmantes podería ser en exclusiva o español, cuxo dominio “siempre debe quedar garantizado”, mais non o galego, cuxo coñecemento é simplemente un “deseo encomiable” que non debe ser imposto, pois abonda saber un pouquiño para “convivir cortésmente con los demás y disfrutar en lo posible de las manifestaciones culturales”. Que os pais escollan a lingua na que se lles imparten aulas aos seus fillos paréceme tan razoábel -ou para ser exactos, tan pouco razoábel- como deixar á súa elección a posibilidade de que os cativos non reciban unha formación contraria aos seus principios relixiosos, para que así non fagan ximnasia se lles parece que é pecado ou que lles aprendan a parvoíce do Deseño Intelixente en vez da ciencia de Darwin. Por outra parte, non vexo maneira de respectar a vontade lingüística dos pais que non implique a segregación dos rapaces segundo idiomas (feito certamente indesexábel), e de estimarmos necesaria unha completa desenvoltura nas dúas linguas cooficiais, parece non só aceptábel senón francamente recomendábel (e así o admitiu no seu día o Tribunal Constitucional) unha política de "discriminación positiva" cara a lingua que padece as consecuencias de séculos de marxinación.

No punto terceiro dise que nas autonomías con dúas linguas temos dereito a ser atendidos nas instancias oficiais en calquera delas, mais para iso bastará que haxa persoal capacitado, non que todos os funcionarios sexan quen de facelo. Posto que a aprendizaxe básica dunha segunda lingua non é unha tarefa sobrehumana, non vexo que problema hai en pedirllo a todos os funcionarios nas comunidades bilingües; iso parece máis práctico que exixir en todos os postos e niveis a presenza de “alguén” que a saiba para acompañar a aqueles que non se defenden ben nas “linguas non comúns”. En vez de ter, por exemplo, un técnico, un administrativo, un secretario ou un director xeral que non sabe galego e outro que si, é máis sinxelo (e barato) ter un só que coñeza as dúas linguas. E se de paso sabe algo de inglés, mellor aínda.

De todos xeitos, o que máis me chama a atención do texto é o punto quinto. Despois de tanta aparente defensa dos dereitos individuais, sorpréndeme ese insólito mandato que obriga a todos os representantes políticos a expresarse en español nas súas funcións institucionais “de alcance estatal” (e cal non o é?), tanto aquí como acolá, “salvo en determinadas ocasiones características”, de carácter pintoresco e folclórico, permítome supoñer. É dicir, que nin Touriño nin Quintana se poñan a falar en galego se é que van dicir cousas importantes para España, que o fagan en español para que se lles entenda. Se teñen unha entrevista na Moncloa co presidente e logo hai unha rolda de prensa, nin unha soa resposta en galego, nin sequera para atender aos medios do noso país. E se van falar do AVE, ou da financiación autonómica, que son asuntos de alcance estatal, sempre en español. Tremendo.

Non é difícil facer unha crítica razoada do manifesto, e de feito en días pasados lemos en medios dixitais e de papel comentarios asisados que o atacaban por diferentes flancos. Quizá non houbo unha crítica profunda e detallada, académica se así o queren, mais penso que o texto orixinal, por ser tan tosco, non a merecía: non ten altura intelectual como para que pague a pena dedicarlle tanto esforzo. Tanto non, mais algún si, sobre todo de querermos dar unha contestación contundente e unitaria. O manifesto elaborado polas asociacións de escritores galegos, cataláns e vascos non é lamentábel, nin moito menos, mais tampouco me parece un texto hábil e intelixente. Penso que responde máis ás intencións que se intúen detrás do manifiesto, que ao manifiesto en si, e por iso fala de “centralismo” e dunha “visión anuladora da realidade plurilingüe” que en sentido estrito non está presente no texto de Savater e compaña (que tampouco din que o español “corra perigo”, ou desde logo non desa maneira). O manifesto de Galeusca inclúe unha frase sorprendente no punto catro (“O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español.”). Equiparar “oficial” e “propio” non só é un disparate desde un punto de vista lóxico, senón que ademais é contraproducente para as pretensións dos asinantes (alguén podería refacer a frase para afirmar que o español é oficial en Galiza e iso é o mesmo que dicir que é a lingua propia desta terra). Considero desafortunada e innecesaria a referencia á “saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos”, e acepto, mais non me parece atinado, que o texto teña un carácter gremial tan forte (“As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns proclamamos a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas...”), por moito que logo admitan apoios individuais doutros cidadáns, recollidos en listaxe separada. É un manifesto de escritores que responden aos “intentos de exclusión” que das súas linguas fan “colegas escritores españois”, nada máis (e nada menos). Non hai nin unha pequena alusión á desmesurada cobertura mediática de certas radios e xornais ou ao apoio dos políticos, nomeadamente os do PP (un partido con dez millóns de votantes) a un manifesto que non desbota unha reforma legal que nos devolva no que atinxe á lingua a unha situación preconstitucional. No caso concreto de Galiza, non sería malo recordarlles no manifesto aos políticos de todos os partidos o deber de que se cumpran as leis que xa temos, para garantir unha igualdade entre as dúas linguas oficiais que, como é evidente, hoxe non se dá. E non en prexuízo do español, precisamente.

En calquera caso, é mellor iso que nada, e posto que concordo en liñas xerais con el, asinarei o Manifesto, igual que fixeron xa moitos amigos. Mais antes de adherirme, quería deixar aquí no blog as miñas discrepancias.

2008-07-22, 02:41 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/58633

Comentarios

1
De: Mario Fecha: 2008-07-22 06:28

Concordo con algunhas cousas, pero quería puntualizar que o carácter gremial é en boa parte un produto da ausencia de reacción por parte dos partidos políticos. Gostaría de que non se discriminase nas sinaturas a escritores de non escritores (absurdo e ademais inexacto en moitos casos), pero isto non sería así se non fose unha asociación de escritores a encargada de dar resposta, case en solitario, ao outro manifesto.
Tamén creo que a referencia ao 40% é absolutamente necesaria, se cadra máis polo peso porcentual que polas circunstancias legais concretas nas que se asenta.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2008-07-22 09:47

Mario, non me parece mal a referencia ao 40% (aínda que para o caso como se fose o 1%) senón a confusión entre lingua oficial e lingua propia. E penso que a ausencia doutras reaccións non xustifica que o manifesto sexa no esencial unha resposta de escritores para escritores. Non é xa que o texto podía dicir simplemente "os abaixo asinantes..." (como fai o manifiesto da discordia, por outra parte), senón que ademais creo que o manfiesto debía implicar e facer referencia explícita a outros colectivos, nomeadamente os políticos, da mesma maneira que o fan Savater e Vargas Llosa para pedir sen rubor reformas legais.



3
De: Carravilar Fecha: 2008-07-22 10:05

Ao Manifiesto só lle cómpren unhas palabras, aquelas de Antonio Machado (digo eu que non será sospeitoso de nacionalista galego, catalán ou vasco) que din:
Castilla miserable,
ayer dominadora,
envuelta en sus andrajos
desprecia cuanto ignora.



4
De: a tola do monte Fecha: 2008-07-23 03:43

eu asinei tamén o manifesto, aínda que tamén teña discrepancias con el. pero deixarei as miñas obxecións a un lado, nada máis que polo peso que tivo nos medios de comunicación o manifesto por unha lingua común.

ao final todo é unha loita política. é o que non me gusta de todo isto. hai galegofalantes de todas as cores políticas. por que teñen que posicionarse nun manifesto ou noutro somentes polo partido ao que voten ou ao que pertenzan? tal vez unha total indiferencia de todos é o que mereceran todos estes manifestos...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.103.63.62 (14ee4eb600)
Comentario

tradución automática: es pt

46 Festival de Xixón

do 20 ao 29 de novembro









axenda cultural



están vivos!



os arquivos estranhos



cuestionario proust


a coruña
Click for La Coruna Airport, Spain Forecast

correo:diasestranhos()gmail.com



chuza!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

seis anos do prestige


O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)



Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley