Un anaco da canción de Pablo Díaz "O moucho", finalista do certame A Coruña Son. O irmán de Xabier Díaz (a mellor voz que temos hoxe en Galiza, e non falo só de voces masculinas) leva moitos anos dedicado á música, mais nisto de cantar confesa ser un recén chegado. Interesantísima a súa idea de facer cancións en galego para nenos: non lle perdan a pista, que é boa xente.
Chámalhe Xis: "Canto aquí, canto onde me peta"
Esta canción habémola de escoitar moito nos próximos meses, paréceme a min. Así soou durante o concerto, e así soaba uns días antes, durante o taller:
Diskordia: "De que me vale"
Para a banda antes coñecida como Diskordia o certame A Coruña Son marca un antes e despois, trala marcha da súa voz principal, Iria, e o inminente cambio de nome para evitar conflitos legais cun grupo punk murciano (iso de poñer pleitos é unha curiosa maneira de entender a trangresión). Aquí teñen ao guitarrista Tito Calviño, que acompañou a todos os participantes do taller durante o concerto:
Chus: "A lagoa dos soños"
"Non fai falta berrar para que se nos escoite". Ese bonito verso é o que abre unha canción de ecos radiofónicos.
Mr Carácter: "Xabarín-manía"
Varios anos de teleadicción ao xabarín alimentan esta peza rockeira da banda viguesa Mr Carácter, composta por César Barreira (voz, guitarra e harmónica), César Morais (baixo), Suso Feixón (batería e percusións) e Miguel Seoane (guitarra).
O sonoro maxín: "Rúa do perigo"
O Sonoro Maxín, banda que agrupa a varios ex-compoñentes de Lamatumbá, demostran aquí o seu (estupendo) gusto verbeneiro. Ico, o cantante, entoa este bonito reggae que arrecende a noite de verán.
Iria Pinheiro: "Violoncello"
O cabaret anos vinte de Iria Pinheiro foi collendo toques de blues ao longo do obradoiro. No concerto, a peza parecía saída do mellor garito á beira do Mississipi.
Tonhito de Poi: "Marinheira"
Dixo Auserón que esta composición tan rockeira sabía a xerra de Guinness e a tasca irlandesa. A experiencia de Tonhito de Poi enche de forza unha canción de letra ben sentida.
D-Laxe: "Túas mans"
Non parecía doado que unha canción con tanto arranxo electrónico quedase ben en directo, mais o certo é que quedou perfecta. Víctor é un figura: canta ben, ten presenza no escenario e ademais sabe de música. Facéndolle coros, outro de Laxe, o benquerido técnico do Extrarradio Xavier Facal.
Foi toda unha experiencia de creación, convivencia, fusión de xéneros, bo rollo,... personalmente pareceume incríble. Grazas a tod@s os implicad@s polo seu traballo e a miña máis sincera noraboa por un taller moi ben feito, co corazón e coa ialma.
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)