O martes 22 de xaneiro ás 14:30 hora galega a Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de Hollywood dará a coñecer as candidaturas aos Oscars deste ano. Dentro de dous días despexaremos as incógnitas dunha edición que non ten claros favoritos, pero até entón velaí vai a miña predicción de finalistas para os principais apartados, elaborada a partir das seleccións feitas polas asociacións de críticos estadounidenses e sobre todo as dos diferentes gremios de profesionais do cinema:
actualización: xa coñecemos a listaxe completa de candidatos. Acertei 4 das 5 películas (fica fóra A escafandra... e entra Atonement); 4 dos 5 directores (abaixo Lumet, arriba Jason Reitman); 4 dos 5 actores (vai Tommy Lee Jones e non Emile Hirsch); 3 das 5 actrices (nin Keira, nin Angelina, pero si Cate Blanchett e Laura Linney); 4 dos 5 actores de reparto (non está Paul Dano, pero si Philip Seymour Hoffman) e fixen pleno coas actrices de reparto. Entre os nominados, outro español ademais de Bardem: o músico Alberto Iglesias, que xa foi candidato por O xardineiro fiel. No quinteto finalista de documentais asoma Sicko de Michael Moore, inexplicabelmente inédita en España.
¶
Á vista das candidaturas dos sindicatos de produtores, actores e directores, todo apunta a que Atonement e Sweeney Todd, que a priori podían parecer serias favoritas, van quedar ausentes das categorías principais. Metín a Keira Knightley con pouca fe, basicamente por encher a listaxe de cinco sen recorrer a Cate Blanchett ou a Amy Adams (si, si, por Enchanted!).
Tampouco creo demasiado nas posibilidades de Sidney Lumet, pero sería estupendo que estivese para reivindicar os vellos cineastas aínda en exercicio. E é moi probábel que estea Tommy Lee Jones tamén como actor de reparto (e non Paul Dano), e iso non é precisamente bo para as aspiracións de premio de Javier Bardem.
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.