Muchachote grispálido / Aguerrido mariachi de la nada
Inicio > Historias > Tahar Ben Jelloun
> Tahar Ben Jelloun <

"Dous anos despois sigo coma mestre no povo da Nada (...) Este ano preferín empezar as clases contándolles un conto.
-Hoxe non imos nin ler nin escribir. Falaremos, dialogaremos, como fan os vosos avós cando se sentan baixo á árvore. Vou facervos unha pregunta a xeito de adiviña. Pensade ben antes de responder. Que credes que é para vós o peor do mundo? É dicir, o que provoca as desgrazas, destrúe á xente e converte aos homes en agresivos e perigosos (...)
-A morte!
-Non, a morte é a fin natural de calquera vida. Cando ela chega, nós marchamos. E se seguimos aquí é porque ela aínda non chegou. A morte non é algo malo nin bon. É o que é, e mais nada. A morte dun ser querido é intolerábel, mais non é o peor do mundo aínda que non poidamos evitala.
-A enfermidade!
-A enfermidade pode ser terríbel e provocar un sufrimento insuportábel, pero tamén pode curarse. A medicina e a ciencia non deixan de progresar.
-A fame!
-Si, mais non é unha fatalidade. (...) Poden facerse moitas cousas contra a fame. No noso povo hai seca. Mais tamén sabemos que os países ricos envían á capital millo e arroz, e a nós esa axuda non nos chega. A fame é algo horríbel e intolerábel, pero ten solución.
-Por que o millo e o arroz que envían os países ricos non nos chega?
-Porque o ser humano é egoísta e inxusto. Dicide, pois, que é o peor do mundo...? (...)
-O peor do mundo é a guerra!
-Si, mais hai algo que a provoca, que a crea, que a estende...
-O odio!
-Non é dabondo; podemos odiar sen necesidade de desencadear unha guerra. Non todos os soldados odian ao inimigo. O odio é un sentimento malo, a miúdo fai dano, é a outra vertente do amor.
-O medo!
-O medo é humano. Non é agradábel, mais non é o peor do mundo. (...)
-A escravitude!
-Si, o peor do mundo autoriza a escravitude, forma parte dela. Como vos dixen hai tempo, xa non existe, foi abolida no mundo aínda que subsiste doutra forma. Lembrádesvos da fábrica de zapatos?
-A inxustiza!
-Forma parte desa cousa horríbel....
-A traizón!
-Tamén é consecuencia do peor do mundo...
-A mentira!
-Por aí, por aí é por onde empeza. Xa case acertastes.
-A maldade!
-Coa maldade ocorre como coa traizón. Un é malo porque esa cousa horríbel empúxanos a iso.
-Roubar!
-É un vicio, é como a enfermidade, mais cúrase... ou castígase.
-O racismo!
-Quente, quente! O racismo baséase niso para se manifestar.
-A estupidez!
-Non, un pode non ser intelixente e, porén, non ten por que ser racista nin malo.
-Entón, señor, que é o peor do mundo? -preguntan todos á vez.
-O peor do mundo non é a morte, nin a enfermidade, nin o medo, senón a ignorancia. (...) A ignorancia é a nai de todos os males. (...) A ignorancia a miúdo vai acompañada de arrogancia e fanatismo...
-Que é arrogancia e fanatismo?
-A arrogancia é a insolencia, a pretensión e o desprezo. Arrogante é quen esixe, con forza e insistencia, algo que non lle corresponde, que non lle pertence. É propria dos ignorantes que cren sabelo todo. Non dubidan senón que afirman con firmeza calquera cousa, son fanáticos, é dicir, xente que non acepta mais ideas que as deles...
Os meus alumnos míranme, sorprendidos, como se agardasen novas revelacións.
-A ignorancia é a que frea o coñecemento, impide o desenvolvemento da curiosidade, afasta aos homes, crea fronteiras e provoca catástrofes, como a guerra, as matanzas, o racismo.
Alguén ergue a man; é Aicha:
-Eu creo que o peor do mundo é non ocuparse da xente, non ir velos, non falar con eles nin axudalos..., deixalos sós, coma o noso povo ao que ninguén quere vir.
-Iso chámase indiferencia.
-Indiferencia, unha palabra nova que porei xunto a ignorancia".

N'achetez pas la sang des enfants, de Tahar Ben Jelloun

2005-01-09, 01:00 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/25207

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-01-09 17:15

O relato de Tahar Ben Jelloun está editado en español co título La escuela vacía.

La escuela vacía
Tahar Ben Jelloun
RBA Libros
ISBN: 84-7901-439-3



2
De: peke Fecha: 2005-01-09 17:25

Fermoso texto. Abofé. :)



3
De: Angela Fecha: 2005-01-09 20:19

Sempre tiven a sensación de que era perfectamente posible vivir feliz na ignorancia. Ademáis no meu entorno, hai xente "anestesiada" máis tranquila incluso que aqueles que pensan, e polo feito mesmo de cuestionar, sofren ao veres as suas limitacións ou erros.
Así, eu casi indignada pensaba:
!coño¡ mira esta/este que feliz é, i eso que non sabe falar de outra cousa que de penes/coches.

Ao que que viña: este texto é unha intelixente resposta ao meu pensamiento simple.
E posible vivir na ignorancia, pero é moi perigoso.



4
De: ifrit Fecha: 2005-01-09 20:28

O medo e a ignorancia son a causa de tódo-los males da humanidade... triste...



5
De: Martin Pawley Fecha: 2005-01-10 02:45

Xa saben todos da minha adoración por Dickens, non si? Unha das cousas que sempre me fascinou da "Canción de Nadal" é esa aparición dos dous nenos esfarrapados xunto ao espírito do Nadal do presente, a Ignorancia e a Necesidade, e esa advertencia do espírito: cóidate de ambos, mas sobre todo cóidate da Ignorancia!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 38.107.191.94 (5bf30e74b6)
Comentario

tradución automática: es pt



















os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley